22 de nov. de 2012

LEI 10/2012 DAS NOVAS TAXAS XUDICIAIS - O PP APROBA A XUSTIZA PARA RICOS



Hoxe é un día triste de máis para a cidadanía galega, pois acaba de entrar en vigor a lei de taxas xudiciais que vai provocar a renuncia dos cidadáns a entaboar accións xudiciais en reclamación de dereitos persoais e colectivos polo simple feito de non ter os cartos necesarios para pagar, por adiantado, as taxas xudiciais hoxe fixadas na lei 10/2012.

Este é un novo ataque á cidadanía (e por desgraza non será o último) orquestado polo Partido do Poder (en abreviatura PP) que mellorando o eslogan empregado polo presidente dos EEUU Sr. Obama “Yes We Can” (Nós Podemos) acaba de conseguir o de Nos Podemos...estar, aínda se cabe, máis fodidos.

Estas taxas hoxe fixadas provocarán de feito unha renuncia por parte dos cidadáns a entaboar accións xudiciais de todo tipo en defensa dos seus intereses, polo mero feito de carecer dos cartos necesarios para afrontar o elevado custe das mesmas. O PP acaba de atacar a liña de flotación do estado de dereito ao limitar de xeito tal o acceso a administración de xustiza, un dos piares que mantén o equilibrio entre os tres poderes do estado, favorecendo coa súa actuación o reinado dos poderosos (economicamente falando). ¿Con que nos imos poder enfrontar a unha compañía de seguros, a un banco, etc. nunha reclamación que debería ser igualitaria pero que non o será porque eles terán o poder de “coacción” dos cartos para un arranxo que lles conveña fronte a falta de recursos económicos do reclamante para facer fronte ás taxas dun xuízo xusto.

Non contentos con isto se aproveita esta lei de taxas para crucificar máis aos empregados públicos ao esixírselles a representación e defensa en todas as accións xudiciais en reclamación dos seus dereitos laborais e a imposición do dobre pagamento en decembro das contías por dereitos pasivos e mutualidades, a pesares de deixarse de percibir a paga extraordinaria.

Dende a CIG rexeitamos dende fai tempo estes e outros recortes prantexados polo PP, defendendo o mantemento dos servizos públicos e, neste caso concreto, apoiamos e estivemos presentes naquelas concentracións e manifestacións que reivindicaron de xeito activo e expuxeron cara a cidadanía o abuso que se aveciñaba coa aprobación da lei de taxas que non só nos afectaría como cidadáns se non tamén como colectivo de traballadores da administración. Por iso insistimos en que os traballadores e os cidadáns temos que lograr perder o medo e aunarnos nunha forza que consiga de xeito colectivo que as cousas muden pola presión popular porque por si soas non van a mudar e cada vez o PP verase con máis forza para para minorar os dereitos dos cidadáns e traballadores.