A convocatoria, da Mesa, como vén sendo
habitual foi remitida aos sindicatos sen documentación previa para poder
analizar en profundidade o contido deste capitulo dos Orzamentos e valorar en
toda a súa extensión o impacto que terán tanto nas condicións salariais e
laborais do persoal como no propio funcionamento e mantemento dos servizos
públicos. Este método impositivo e escurantista, denuncia a Secretaria de
CIG-Administración Pública, Maricarme López Santamariña, imposibilita presentar
alternativas nin negociar ningúns dos aspectos tratados. “Trátase dun trámite
máis que o Goberno ten que cumprir porque así lle obriga a lei”, asevera.
Segundo os datos presentados, o persoal das
administracións recuperarán a paga extraordinaria de nadal para o vindeiro
2013. Porén, o Goberno do PP mantén a conxelación salarial, sen dar
posibilidade á actualización da perda do poder adquisitivo acumulada dende
2009. Neste senso, a Área Pública da CIG lembra que tan só neste ano, os
empregados e empregadas públicas perderon case o 10% da súa capacidade
adquisitiva (por mor da supresión da paga extraordinaria de nadal, que supón
unha baixada do 7%, unida á suba do IPC, situado a remate de agosto no 2,7%).
Así mesmo, mantense a prohibición de facer achegas a fondos ou plans de pensión
ou previsión.