A situación do persoal de reparto rural con achega de vehículo propio, atravesa un momento especialmente delicado, que require unha resposta inmediata por parte da dirección de Correos.
Desde CIG Correos considérase imprescindible trasladar á opinión pública a gravidade dun problema que non só afecta ás condicións laborais deste colectivo, senón que tamén pon en risco a continuidade dun servizo público esencial en amplas zonas do rural.
Nos últimos meses produciuse unha perda de poder adquisitivo sen precedentes entre os carteiros e carteiras rurais. Un dos factores máis determinantes é o forte incremento do prezo do combustible, especialmente do gasóleo, que é o máis utilizado na maior parte da frota rural. Esta subida, que supera o 20% en comparación con 2023, recae directamente sobre os traballadores e traballadoras, xa que son eles quen asumen os custos derivados do uso do seu propio vehículo para desenvolver a súa actividade diaria.
A esta realidade súmase a evidente insuficiencia da compensación por quilometraxe. A contía actual, fixada en 0,26 euros por quilómetro, está moi lonxe de cubrir os gastos reais asociados ao uso do vehículo: combustible, mantemento, seguros, neumáticos e amortización. Esta situación agrávase aínda máis no ámbito rural, onde as condicións das rutas e as distancias incrementan significativamente os custos.
Ademais, a eliminación do diferencial económico acordado por CCOO, UGT, CSIF e Sindicato Libre en outubro de 2023, supuxo a desaparición dun pequeno colchón que permitía absorber, aínda que fose parcialmente, as variacións do custo da vida. Sen ese mecanismo de estabilidade, o impacto das subas de prezos é directo e inmediato sobre as nóminas.
Outro elemento clave é o aumento da carga de traballo provocado pola falta de persoal. A ampliación de rutas e percorridos está xerando unha situación paradóxica e inxusta: canto máis traballan, máis diñeiro perden. Esta dinámica non só resulta insostible desde o punto de vista económico, senón que tamén afecta á calidade do servizo prestado á cidadanía.
Cómpre lembrar que o persoal de reparto rural constitúe, en moitos casos, o único vínculo efectivo entre a Administración e a poboación en zonas despoboadas. Garantir este servizo non pode facerse a costa do deterioro das condicións laborais nin do salario dos traballadores e traballadoras.
Desde CIG Correos solicitamos a convocatoria urxente dunha reunión coa presidencia da entidade, co obxectivo de abordar solucións inmediatas. Entre as medidas propostas destacan a actualización da compensación por quilometraxe, adaptándoa aos custos reais, e a implantación de mecanismos de revisión automática vinculados á evolución do prezo do combustible.
A resolución desta problemática é clave para asegurar un modelo de servizo postal público, digno e sostible, que garanta tanto os dereitos do persoal como a atención á cidadanía no conxunto do territorio.

.png)