A CIG fai un chamado a converter este 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, nunha xornada de mobilización contra a precariedade e a desigualdade, para reivindicar traballo digno e sermos na Galiza un pobo con dereitos.
Nesta data na que se conmemoran as mobilizacións protagonizadas pola clase traballadora galega en 1972, durante as que foron asasinados en Ferrol pola policía franquista, os traballadores da antiga Bazán, Amador Rei e Daniel Niebla, “as demandas de liberdade, contra a precariedade das condicións laborais, por salarios xustos e pola defensa da negociación colectiva en Galiza seguen vixentes e son de actualidade”, salientou o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Xoán Galdo, quen compareceu en rolda de prensa este martes coa responsábel comarcal de Muller, Teresa Carballido.
Nun contexto marcado polo empobrecemento xeneralizado, os baixos salarios e as desigualdades impostas polas políticas neoliberais e as últimas reformas laborais, “a mobilización convértese no camiño necesario para dar resposta a esta crúa realidade, porque alén das cifras macroeconómicas, o continúo medre da carestía da vida dificulta cada día máis facer a compra e acceder a unha vivenda digna”.
Galdo criticou que se pretenda normalizar a precariedade laboral, o traballo a tempo parcial e a contratación fixa descontinua, mentres a temporalidade segue existindo, as condicións laborais e os salarios son peores e aumenta o risco de pobreza.
Todo isto, engadiu, cunha forte presión do capitalismo para afondar as políticas máis neoliberais e máis depredadoras “a calquera custe” e buscando criminalizar con esta fin toda resposta social. “Aí está, advertiu, a radicalización da dereita, o auxe da ultradereita e o fascismo promovido por un capital que quere máis ganancia sen importar os medios”, no que inseriu os discursos e prácticas cada vez máis perigosas do PP de Galiza, “correa de transmisión do PP español, competindo con VOX nunha axenda españolista, machista e belicista”.

