O sindicato CIG advirte da precarización do servizo de Correos en Ponteareas, polo que reclama á dirección da Sociedade Estatal Correos en Galicia que “cubra de inmediato as prazas vacantes por baixas”.
Segundo indica a CIG, hai “tres prazas sen cubrir, entradas masivas de envíos, persoal que debe facer uso de días libres durante este mes de marzo e a todo isto hai que engadir as ausencias durante a xornada para acudir ás citas do recoñecemento médico”.
Desde a CIG sinalan que “non vale a escusa de que hai unha redución de cargas de traballo para non cubrir as ausencias”. “As compañeiras e compañeiros da unidade de repartición de Ponteareas xa veñen asumindo dúas prazas sen cubrir, pero agora engádeselles unha terceira que coincide con ausencias por días libre dos que teñen que facer uso durante este mes, así como unha entrada de notificacións masiva e outros envíos como luz e auga, ao que hai que sumar entradas de correo publicitario para todas as vivendas”, explica a organización sindical, apuntando que “se hai unha situación extraordinaria requírense respostas concretas a esta situación”.