30 de mar. de 2020

Xuntanza Informativo Sobre o Analise do R.D. 10/2020 do 29 de Marzo


Mentres que o goberno paraliza o País dende este luns para deter na medida do posible a saturación nos hospitais e sobre toda nas Unidades de Coidados Intensivos,Correos escudándose na ambigüidade dos artigos 11 e 24 do R.D. 10/2020 do 29 de marzo , e tamén na carta dirixida ao Ministro Abalos polos sindicatos CCOO e UGT na que solicitaban volver a repartir a paquetería e a prensa ,  informounos  na xuntanza desta mañá da súa intención de comezar co reparto de todo tipo de paquetes e da prensa.

Vemos como “a nosa Empresa“ antepón o negocio á saúde dos traballadores.

En canto ao número de notificacións acumuladas dixeron que había ao redor de 600 mil.

Tamén informaron que a partires de mañá Correos comezará co reparto de notificacións, e que se entregarán semanalmente baixo firma  5 mascaras (unha para cada día da semana), luvas e xel hidroalcoholico. Lembrádevos que tanto as luvas como as mascaras son dun só uso. 

O único positivo é que tal e como reivindicou a CIG entre hoxe e mañá se instalarán paneis protectores en tódalas oficinas de Correos.

Dende a CIG entendemos que ampliar o abano ao reparto de toda a paquetería máis a prensa parécenos un erro pois é incompatible prestar máis servizos coa seguridade dos traballadores, porque primeiramente e tal como informaron habería que aumentar o número de traballadores en reparto cada día así mesmos medrarían os puntos de entrega e percorrido e por conseguinte de exposición do carteiro.

Ademais o SPU xa contempla a paquetería. Está o Paquete Azul no ámbito nacional e PPI, EPG, EMS e CUI/PRIME no internacional.

Entendemos que tomar calquera decisión que vaia encamiñada ao aumento do servizo vai en contra da esencia do propio RD 10/2020 no que se suspenden as actividades non esenciais para evitar a exposición dos traballadores aos contaxios.

NESTES MOMENTOS TAN DIFÍCILES DEBEMOS CONTRIBUÍR A DIMINUÍR OS CASOS DE COVID 19 E NON A AUMENTALOS CON DECISIÓNS BASEADAS MERAMENTE EN CRITERIOS MERCANTILISTAS E DE NEGOCIO. OS EMPREGADO/AS DE CORREOS NON O MERECEMOS