22 de xul. de 2019

25 de xullo, Día da Patria Galega ... Todas e todos a Compostela!!

A CIG chama a participar nos actos que o nacionalismo convoque en Compostela

A CIG chama a reivindicar, nos actos que o nacionalismo convoque en Compostela o vindeiro 25 de xullo, Día da Patria Galega, o dereito das galegas/os a decidirmos por nós mesmas o noso futuro como nación e a autogobernarnos para poder vivir e traballar dignamente na nosa terra.

A demanda dunha Galiza ceibe e sen explotación ten este ano 2019 toda a actualidade ante o grave panorama que estamos a vivir, de auténtica emerxencia nacional e social. O roubo e saqueo ás clases populares, na lóxica do capitalismo e das súas crises, ten na Galiza a súa expresión no afondamento do papel que tradicionalmente se nos impón no contexto do Estado e da UE: de nación espoliada e colonizada, subministradora de man de obra a través da emigración, de materias primas e recursos minerais, enerxéticos e forestais, causando grandes impactos sociais, económicos e ambientais, sen que reverta en ningunha compensación ou beneficio para o noso país. Unha situación que evidencia o fracaso do sistema autonómico.

A perda de emprego, a crise demográfica, a emigración xuvenil, o desmantelamento industrial, o peche e deslocalización de empresas, están á orde do día, constatando, de forma dramática, o dano que están a provocar as políticas neoliberais en Galiza.



A vixencia das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva, aprobadas ao longo destes anos provocan que cada día medre máis a precariedade, a pobreza laboral, os baixos salarios e a perda de poder adquisitivo das pensións.

Introducíronse novas formas de explotación (falsos autónomos/as, ETT, centros especiais de emprego, etc.) e aumentáronse as posibilidades para o abuso dos contratos a tempo parcial, dos que duran horas, días ou, como máximo, semanas, xerando así un empobrecemento xeneralizado e un afondamento das desigualdades de xénero.

A continuidade destas leis, que o PSOE iniciou e o PP ampliou, xunto con outras políticas antisociais, tamén impostas coa escusa da crise, como a LOMCE ou a Lei Mordaza, conforman unha realidade profundamente inxusta e antidemocrática. Realidade que o PSOE non mudou nos últimos 12 meses, máis alá de tímidas e insuficientes mudanzas.

A fraude e a confusión promovida desde todos os medios do sistema é absoluta. Preséntase un presidente da Xunta aparentemente crítico e reivindicativo co Goberno español, pero submiso e dócil ás políticas neoliberais que veñen de Madrid e Bruxelas mais frontalmente contrario a ofrecer alternativas pensadas nos intereses das clases populares galegas, se iso implica cuestionar a falta de soberanía política de Galiza e o papel dependente que se nos ten asignado. O complemento perfecto no proceso de españolización e recentralización posto en marcha no Estado español, que busca combater e reprimir até as últimas consecuencias a realidade plurinacional existente no Estado español, que representamos Galiza, Euskal Herria e Catalunya.

Dereito a decidir

Somos conscientes de que os avances en dereitos laborais e sociais pasan porque haxa unha correlación de forzas favorábel; por termos vontade política de apostar pola soberanía, pola nosa capacidade de decidir, pero non temos alternativa se queremos saír adiante, se pretendemos algo tan elemental como poder vivir e traballar dignamente en Galiza.

As solucións non virán por si soas, nin por concesións do poder económico ou do poder político que está ao seu servizo. Dependemos da nosa capacidade para nos organizar e mobilizar socialmente.

Por iso desde a CIG facemos un chamamento a participar, este 25 de xullo, nos actos do Día da Patria Galega, co convencemento de que é imprescindíbel a autoorganización do pobo galego e da clase traballadora e termos soberanía para unha mellor defensa dos nosos sectores produtivos básicos e da nosa industria; modernizar as nosas infraestruturas e servizos sociais; levar adiante unha política propia de creación de emprego, para potenciar unha economía autocentrada ao servizo do pobo e avanzar na recuperación e consecución de dereitos para as galegas e galegos.