3 de xuño de 2017

CIG advirte que os recortes orzamentarios aceleran ao desmantelamento de Correos en Galiza


O recorte aprobado nos Orzamentos Xerais do Estado de 60,5 millóns de euros á Sociedade Estatal Correos e Telégrafos afondara na precariedade laboral e no desmantelamento do Servizo Postal Universal, afectando na Galiza de forma máis negativa que no resto do Estado, tanto pola súa especial configuración xeográfica como pola idade e dispersión da súa poboación. Esta é a valoración que a CIG fai da tesoirada que nas contas xerais se dá a este servizo público. O sindicato lembra que a ausencia de contratación e a amortización de prazas ten consecuencia non só na perda de empregos mais tamén no empeoramento do servizo, nomeadamente no rural

“Nos últimos oito anos as políticas de recortes en Correos significaron uns 20.000 postos de traballo menos, 1.000 puntos menos de atención en pequenos núcleos de poboación -o que afecta máis directamente a Galiza por ter no seu territorio un 50% destes núcleos de poboación- 1113 carteiros rurais menos en todo o Estado e un longo etcétera de recortes”.