6 de ago. de 2015

Requerimento da Inspección de Traballo a Correos


A inspección de traballo de Lugo ergue acta de infracción a Correos debido á denuncia formulada polo Sector de Correos de Lugo polo incumprimento por parte da empresa da Lei 31/95 de Prevención de Riscos Laborais, ao non aboar os gastos de desprazamento xerados con ocasión dos recoñecementos médicos ao persoal dos seguintes postos de traballo: axente/clasificación 2, Pto. N 12 Área de servizos móbiles, Pto. N 12 Área de servizo exterior, Pto. N 12 Área de servizo interior, Reparto a pé, Auxiliar reparto a pé e suplente de reparto a pé. A empresa alegaba que os recoñecementos médicos para estes postos de traballo eran de carácter voluntario e polo tanto eles non se tiñan que facer cargo dos gastos, o que obviaba a empresa é que os recoñecementos médicos son voluntarios para os traballadores pero son de carácter obrigatorio para o empresario realizalos e polo tanto todos os gastos son a cargo do empresario tal e como establece a Lei.
Agora grazas á denuncia realizada pola CIG todo este colectivo de persoal poderá reclamar o pagamento dos gastos de desprazamento.
Unha vez máis a CIG fai cumprir a legalidade en Galiza defendendo os intereses dos traballadores por enriba de todo, mentres os outros sindicatos miran cara a outro lado e calan malia que aos seus propios afiliados lles pisen os seus dereitos.
Esa é a diferenza entre os sindicatos que teñen débedas coa empresa e os que non aceptamos regalos.
Se queres facer valer os teus dereitos afilíate a CIG.