4 de nov. de 2013

Un novo recorte en Correos suprime outras oito prazas de carteiro na cidade de Ourense

O carteiro xa non chama dúas veces en Ourense. Non vai ter tempo para facelo, pois unha unha nova reforma no servizo de cartería da rúa Fernández Bordás, en pleno centro, supoñerá a desaparición de oito carteiros urbanos que hoxe reparten a pé ou en moto e doutros dous na Derrasa e en Toén. Os que queden terán que apurarse pois terán que asumir o seu traballo, ademais do das rúas que quedan sen servizo.



Representantes da CIG Correos en Ourense denuncian o "total desmantelamento que está a sufrir o servizo postal na provincia" e que xa non afecta só ao medio rural senón á cidade. Xa non é o mal tempo nin as condicións adversas as que poden frear o traballo dun carteiro, senón os recortes en materia de contratación e as reformas, "que reducen drasticamente o persoal e xeran áreas de repartición inasumibles durante a xornada diaria que se lles esixe, todo polo aforro económico", denuncia a CIG.

As consecuencias inmediatas van ser a desaparición de dez áreas de repartición, e a asimilación destas polo resto de traballadores que queden na cidade. Correos alegan que hai un descenso do 30% do volume de envíos, polo que se pasa de 39 carteiros urbanos a 31 e de 12 a 10 carteiros rurais malia que os resultados antes de impostos do organismo son bos.

Fonte: Faro de Vigo                                                                              Máis información  AQUI