15 de set. de 2025

CIG-Correos advirte da “situación insostíbel” nas oficinas da Coruña



Miles de envíos permanecen acumulados nas unidades 
mentres o persoal asume acotío o traballo de varias persoas

A CIG sector de Correos alerta da “gravísima situación” que se está a vivir nas oficinas de reparto da Coruña, “como consecuencia directa das políticas de aforro irresponsábeis” aplicadas por Correos nos últimos meses. Estas medidas, levadas a cabo sen ningún tipo de planificación nin sensibilidade, están a provocar unha acumulación masiva de envíos e unha carga de traballo insostíbel para o persoal empregado público.

A representación da CIG explica que a falta de contratacións, ás baixas e vacacións sen cobertura, xunto coas xubilacións, obriga as traballadoras e traballadores a sumir de xeito habitual o labor de varias prazas sen substitución. Isto xera un desgaste físico e mental xeneralizado “que xa non pode ser ignorado. Correos ten a obriga moral e legal de empregar todos os medios dispoñíbeis para solucionar este problema con urxencia”, aseveran.

A inacción da empresa provoca ademais un aumento das baixas entre o persoal traballador “que leva demasiado tempo esforzándose ao máximo sen recibir o apoio necesario”.

Envíos e notificacións sen repartir

Indo aos números, “a realidade é escandalosa”:  

  • Unidade de Reparto 1 (códigos postais 15001, 15002, 15003, 15004 e 15005): 6000 notificacións e 18000 cartas sen repartir. Dun cadro de persoal de 38 persoas soamente están traballando 14 na quenda da mañá e 3 na tarde.
  • Unidade de Reparto 3 (rúa Entrepeñas, códigos postais 15010 e 15011, os barrios máis poboados da cidade): 12.000 envíos acumulados e 4000 notificacións sen repartir. De 22 persoas no cadro de persoal soamente hai 11.
  • USE da Coruña (paquetería de toda a cidade): 7 traballadores e traballadoras na quenda de mañá (1 con redución de xornada) e unha situación igualmente precaria na tarde.
  • Resto de unidades: menos do 50% do persoal e acumulados entre 4000 e 5000 envíos.

“Aínda máis indignante é que, segundo a resposta de Correos do 9 de setembro, a Unidade de Reparto 3 contaba con 11.970 envíos sen repartir. Despois das medidas insuficientes da empresa, non só non baixou o número de pendentes, senón que hoxe teñen 14.000 envíos que non chegaron ao domicilio da veciñanza (citacións do Sergas, tarxetas do banco…)”, alerta a CIG-Correos da Coruña.

Este deterioro provoca tamén o descontento da cidadanía co servizo postal, sendo o mes de agosto “o máis nefasto na historia da empresa ao cargar ao persoal con repartos imposíbeis, tendo que asumir até tres barios por persoa”.

Por iso, a representación da CIG exixe:

  • Que Correos tome conciencia de inmediato e adopte medidas urxentes e eficaces
  • para solucionar esta situación insostíbel.
  • A ampliación inmediata dos cadros de persoal, coa contratación de persoal necesario para cubrir as necesidades reais do servizo.
  • A cobertura de todas as baixas, xubilacións e vacacións, garantindo que ningunha persoa traballadora teña que asumir cargas laborais desproporcionadas.
  • A posta en marcha de plans de prevención de riscos laborais que protexan a saúde física e mental dos empregados e empregadas.
  • Un compromiso real e transparente por parte da empresa para mellorar as condicións laborais e garantir un servizo público de calidade para a cidadanía.

“Os traballadores e traballadoras de Correos merecen un trato xusto e un ambiente laboral digno. Non é aceptábel que, por mor da inacción e a desidia da empresa, se vexan na obriga de traballar en condicións tan precarias, mentres a cidadanía sufre as consecuencias dun servizo postal colapsado”, afirman.