27 de abr. de 2020

Reunión Extraordinaria para unha Volta Progresiva da Actividade Normal en Correos



Hoxe día 27 de abril, celebrouse a reunión Extraordinaria na que Correos tratou a  desescalada. Correos segue na súa liña de informar e non de negociar.

Correos pretende volver á normalidade en tan só TRES SEMANAS, sen esperar ao  RD do Goberno. E din que isto non é antepoñer o negocio á seguridade e saúde dos seus traballadores/ as!!!

As Fases deseñadas por Correos son as seguintes:

1ª fase esta semana. Recuperar os volumes pendentes nas unidades. Non haberá moita máis xente prestando o servizo.

2ª semana. Incorporación progresiva de clientes, en función da priorización comercial. Preténdese operativa normal con capacidade limitada. Non estarán todos os clientes, só unha parte deles priorizada. Operativa normal.

3ª semana. Aumentar os clientes en función da capacidade da que informe operacións. Incrementarase o volume de traballo. Cadro de persoal ao 100% de luns a venres.

Na reunión tamén informaron:

-       Que finalmente os maiores de 60 anos sen patoloxías de risco incorporaranse o 11 de maio.

-       Que non van facer test, porque non os hai e que tampouco poñerán sistemas de medición de temperatura aos traballadores/as

ISO SI, ASEGURAN QUE A SEGURIDADE PARA ELES É O MÁIS IMPORTANTE.
Dende CIG insistimos que é unha temeridade iniciar a  desescalada sen antes:

1.            Realizar TEST de detección de  COVID-19 a todos os traballadores/as sen excepción para identificar os posibles casos de contaxiados/as  asintomáticos e poñelos en corentena. Tamén se debería de realizar TEST ao persoal que se vaia reincorporando e que esta desescalada debería de estar en función de como vaia diminuíndo as posibilidades de contaxio en cada Comunidade Autónoma.

2.            Dotar a todas as unidades de termómetros dixitais con medición por infravermellos ao comezo da xornada laboral. Coa finalidade de detectar posibles casos.

3.            Que o colectivo sensible maior de 60 anos, sen patoloxías asociadas, debe incorporarse ao seu posto cando os fagan os traballadores especialmente sensibles, de risco ou vulnerables e non antes. Ademais con este colectivo entendemos que se deben realizar os trámites pertinentes para que se axilice a prexubilación ou xubilación daqueles traballadores que estean en condicións e queiran acollerse a ela

4.            Establecer corentenas ou restricións á entrada de envíos, que non sexan  SPU, procedentes doutros países. Pola permanencia do virus en determinadas superficies.

5.            As medidas de  desescalada deberán de estar en función da exposición que exista en cada caso. Por tanto, débese distinguir a  desescalada entre postos de traballo, entre Comunidades Autónomas, e mesmo entre provincias.