A parlamentaria do BNG, Noa Presas pediu hoxe no
Parlamento galego demandar do goberno central recuperar os empregos perdidos
dende o ano 2010 e incrementar persoal do servizo de correos a través de
procesos “transparentes e xustos”.
No
transcurso da pregunta parlamentaria, a nacionalista denunciou “o agravio
e discriminación” do rural ourensá fronte ao resto dos territorios galego e
estatal. Neste sentido, lembrou que entre os anos 1996 e 2006 perdéronse o “33%
dos carteiros e carteiras rurais” no rural da provincia de Ourense e contrapuxo
esta cifra ao recorte producido no ano 2016 un “30% que deixa a provincia
ourensá só con 153 enlaces rurais”.
A
deputada afirmou que o Presidente da Xunta con experiencia recoñecida na
Dirección de correos, en lugar de favorecer a Ourense promove unha política de
desmantelamento de servizos utilizando esta provincia “como coelliño de
Indias”.
Para
a deputada, o desmantelamento do servizo público de correos está a provocar que
os cidadáns deban asumir gastos e desprazamentos que constitúen “unha
desigualdade” e reprocha que a Xunta “non reaccione” a esta realidade, polo que
reiterou a súa reclamación de incrementar o servizo público de correos
no rural.
Pola súa parte, a portavoz
popular de Relacións institucionais, Blanca García respondeu á nacionalista que
o incremento de persoal do servizo postal non é competencia da Xunta de Galiza
ao que Presas replicou, “ todos os galegos e galegas pagamos impostos e temos
dereito a que o Estado e o Partido popular cumpran as condicións recollidas
pola lei 24/1998”.
Fonte: www.bng.gal