CIG-Correos compareceu este xoves no pleno do Concello de Santiago para denunciar a privatización do servizo municipal de entrega de notificacións e a retirada ao operador público Correos das Noficacións de sancións de tráfico dentro da cidade, outorgándollas a unha empresa privada de Valencia e inscrita no rexistro mercantil de Bizkaia
Para a CIG-Correos esta
decisión adoptada a proposta do concelleiro delegado de Medio Ambiente Xan
Duro, só tivo en conta “cuestións economicistas”. Considera que o goberno
municipal de Santiago non tivo en conta porén, os custos sociais derivados
desta decisión: “nin o que implica apostar por empresas privadas fronte
empresas públicas; nin as precarias condicións laborais ás que someten estas
empresas aos seus traballadores e traballadoras, que son as que lles permiten
abaratar os custos”.
Precariedade laboral
Unhas condicións que
entende que deberían levar a calquera administración a “nin sequera
contemplalas como posíbeis concesionarias dun servizo público mentres non
cumpran coas súas obrigas cos traballadores/as”. En concreto sinala cuestións
como “manter os pagos dos salarios ao día, retirar os continuos E.R.E´s que
presentan, ou aplicar un convenio colectivo acorde coa legalidade vixente, e
non como ocorreu con C.I. Postal, por exemplo, que vén de ver revogado
precisamente o seu convenio colectivo polo propio Tribunal Supremo”.
Por iso denunciou tamén
que outra das empresas valoradas para outorgarlle esta concesión, Unipost vén
de despedir a unha traballadora polo simple feito de estar embarazada.
Xosé Iglesias, que foi
quen interveu en representación da CIG-Correos, afirmou que as condicións
laborais que ofrecen estas empresas son tan precarias que a elixida,
C.I.Postal, estivo chamando a traballadores/as inscritos no INEM, con
experiencia en Correos, ofertándolles postos de traballo con contratos de tres
horas. Unha precariedade á que, lamentou, “colabora este goberno municipal”.
Sinalou que C.I. Postal
fixo unha proba de entrega de notificacións a veciños/as de Santiago para
presentarlle a este concello os resultados. Proba que considera que “está
trucada”, porque foi realizada no distrito 1 e 2 de Compostela (a chamada “zona
nova”) onde hai unha maior concentración poboacional, o que favorece que sexa
máis áxil e efectiva a entrega de notificacións, ao ser a zona de maior
concentración de vivendas.
Ademais, lembrou que o
informe deste Concello “non contrasta” esa suposta efectividade comparando os
datos aportados por C.I. Postal cos repartos de Correos.
Lamentou que, a pesar
disto, se lle outorgase á empresa de Valencia a notificación dentro da cidade
onde, por mor desa maior concentración de poboación, é maior o beneficio.
“Resulta rechamante que porén se manteña a Correos como servizo de entrega de
notificacións fóra da cidade onde é deficitario pola complexidade derivada da
maior dispersión poboacional. Privatízase o correo na zona do concello máis
rendíbel economicamente e mantense o servizo público onde dá perdas, facendo
unha discriminación por beneficio económico entre o público e privado”.
Iglesias considerou
ademais que á hora de tomar esta decisión, o goberno municipal tampouco
contrastou experiencias similares noutras localidades, onde no pasado se
levaron a cabo este tipo de iniciativas que foron abandonadas por incapacidade
na prestación do servizo e por ilegalidades na súa tramitación.
Neste sentido afirmou que
“varios xulgados non lle outorgaron o principio de veracidade e fehaciencia a
estes operadores privados na entrega de notificacións. Principios cos que si
contan as traballadoras e traballadores de Correos”.
Exercicio de
“incoherencia”
Xunto a isto, o
representante da CIG-Correos considerou que este é “un exercicio de
incoherencia política porque organizacións que se din defensoras do sector
público acaban favorecendo o privado”. Sinalou como exemplo diso este caso e
asegura que “non deixa de sorprender que Compostela Aberta defendera na
Deputación da Coruña o servizo postal universal de Correos e esixira a súa
continuidade e mantemento para logo facer o contrario na nosa cidade”. A isto
engadiu que, a coalición de partidos onde está encadrada C.A. en Madrid vén de
facer un pronunciamento no Congreso manifestando que a redución orzamentaria de
Correos pon en risco o servizo postal universal e un requirimento ao goberno do
Estado na defensa de Correos.
Servizo Público
Ademais salientou o
servizo “profesional, de calidade e personalizado” que presta o operador postal
público Correos, con “profesionais con ampla experiencia” formados
especificamente para esta función que teñen, ademais, un coñecemento específico
en procesos de notificacións.
Subliñou que estes
traballadores/as son ademais veciños e veciñas de Santiago e que Correos en
Galiza concentra o maior número de traballadores e traballadoras na capital de
Galiza, chegando a preto de 400 efectivos, malia ter sufrido importantes
retalladas de persoal e que é unha das dez empresas máis importantes do
concello, como prestadora de servizo público.
E rematou a súa
intervención concluíndo que “os servizos públicos teñen o deber de servir á
cidadanía e non de entrar en competición directa con outros grupos privados por
cota de mercado. Non están orientados ao beneficio económico, como si ocorre
nas compañías privadas, que teñen como obxectivo a rendibilidade do seu
negocio. Unha rendibilidade que nos máis dos casos esquece os intereses da
cidadanía”.
Fonte: AVANTAR
Fonte: AVANTAR