28 de ago. de 2015

CIGcorreos: Irregularidades na contratación

Só hai unha solución efectiva e inmediata: 

¡A DENUNCIA DIANTE DO XULGADO!


Concentración de delegados da CIG diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza reclamando unha contratación transparente e sen prevaricacións.

Todos e todas sabemos que existen irregularidades na contratación de Correos, algunhas tapadas baixo "trampas legais" diante das que practicamente non se pode facer nada pola dificultade de demostralas e outras que saltan á vista e que ninguén pode negalas pola súa evidencia (Saltos nas bolsas, Contratos mellores para os peor situados, Decaementos inxustificados, Contratos a xente externa sen rematar as bolsas...)

Dende a CiGcorreos tratamos por todos os nosos medios que se cumpra coa normativa que eles mesmos estableceron e buscaremos de cara a futuras normas de contratación que non se discrimine a ninguén e que se respecten os dereitos de todos.

Pero a día de hoxe á parte das nosas denuncias como sindicato diante da Inspección de Traballo e demais organismos reguladores e xudiciais polos incumprimentos de Correos nesta materia, o noso consello segue sendo o mesmo, avalado por moitos anos de loita en contra destes atropelos na contratación:

Debedes presentar denuncia cada vez que Correos vulnera as normas de contratación e vos vedes prexudicados por esa irregularidade. Correos ten a obriga de acatar a normativa establecida e cando non o fai, se prexudica a algún traballador/a ten que indemnizalo.

Tedes á vosa disposición toda a nosa información e apoio e se estades afiliados ademáis tedes os servizos xurídicos da CIG para levar a denuncia diante dos tribunais de xustiza e recuperar o que é voso.