26 de set. de 2014

Confirman nova conxelación salarial para os empregados/as públicos/as e a recuperación de tan só a cuarta parte da paga extra


A CIG critica o formato da Mesa Xeral de Administracións Públicas do Estado e reclama unha verdadeira negociación.


A Área Pública da CIG  denuncia que a partida de persoal dos Orzamentos para 2015 recollerá unha nova conxelación salarial para os empregados/as públicos/as e a recuperación de unicamente a cuarta parte das paga extra perdida en 2012. Dende a central nacionalista criticaron o formato da Mesa Xeral de Administracións Públicas do Estado que se vén de celebrar esta tarde e reclaman a apertura dunha “verdadeira negociación”.

 A coordinadora da Área Pública, María Carme López Santamariña, iniciou a súa intervención na xuntanza criticando as formas coas que foron convocadas as organizacións sindicais (ás que non se lles entregou ningún tipo de documentación) e o feito de que “nos tivésemos que enteirar pola prensa dos asuntos que se ían tratar”. Neste senso, considera que se trata máis dunha mesa de comunicación que de negociación e reclama a apertura dun verdadeiro diálogo.




En canto ao contido da reunión, Santamariña indicou que se confirmou que haberá unha nova conxelación salarial para os empregados/as públicos/as en 2015, ao tempo que “anunciaron que a Administración Xeral do Estado devolverá nas nóminas de xaneiro do ano que vén unicamente a cuarta parte da paga extra retirada en 2012”. As Administracións autonómicas, pola súa banda, terán liberdade para reintegrar esta cantidade no prazo que estimen oportuno, “aínda que Feijóo anunciou hoxe mesmo, antes incluso do remate da Mesa Xeral, que estuda devolver estes cartos”.

O coordinadora da Área Pública da CIG lembra que esta cantidade é inferior á que terían que abonar segundo establecen as numerosas sentenzas xudiciais. “Ademais trátase dunha medida discriminatoria porque algunhas Administracións, especialmente as locais, xa abonaron a extra completa cando chegaron as sentenzas xudiciais”, sostén.

Isto está a agrandar aínda máis as diferenzas salariais entre os empregados/as públicos/as xa que nalgúns lugares, como no caso de Galiza, ademais da eliminación da extra de 2012 a Xunta aplicou unha redución do 40% das extras de xuño e decembro do ano 2013.

En canto á taxa de reposición de baixas e xubilacións, Santamariña reiterou que debe de ser do 100% e apostou ademais por recuperar postos estruturais. “Mais o que anunciaron foi que a taxa de reposición nos servizos básicos (educación, sanidade, xustiza...) pasa do 10 ao 20%”, comenta. Finalmente, rexeitou a política de feitos consumados que está a aplicar a Administración e reclamou apertura dunha verdadeira negociación.

“Teñen que devolver a paga extra de 2012 integramente e recuperar as que foron eliminadas, ademais de repoñer as condicións laborais dun cadro de persoal que perdeu un 30% de poder adquisitivo”, demanda.

Engadiu tamén a esixencia de que se recuperen os acordos que foron conxelados polo PP no ano 2009. Lembrou que tras da toma de posesión de Núñez Feijóo como presidente da Xunta unha das primeiras medidas adoptadas foi a conxelación dos acordos acadados entre a Administración e as organizacións sindicais. “Isto fíxose antes de se aprobar a Lei 1/2012 de medidas temporais polas que se suprimiron moitos dos nosos dereitos laborais e salariais que agora teñen que ser repostos, xa que eles mesmos dixeron que o farían en canto mellorara a situación económica e están repetindo todos os días que estamos na senda do crecemento”.