20 de abr. de 2012

Quén pactou o recorte de 2000 postos de traballo en CORREOS?


Empeza o éxodo dos funcionarios de Correos, así o anunciaba onte 19 de abril o presidente de Correos na súa comparecencia diante da Comisión de Orzamentos do Congreso, co recorte  de 1900 ou 2000 traballadores que se levará a cabo a través de excedencias incentivadas e traspasos de funcionarios á Administración Xeneral do Estado, entre outras medidas que non especificou. Sinalando así mesmo que a compañía ten a obriga de adecuarse á "máxima velocidade posible á rápida baixada da demanda", estimada nos ingresos de explotación do 12%. Correos pechará o ano cunhas perdas brutas de 166,5 millóns de euros, o que multiplica por 55 os 3 millóns que perdeu en 2011.

A comparecencia do presidente de Correos créanos serias dúbidas:
¿Como é posible que o presidente de Correos á vez que anuncia un recorte de persoal de dous mil traballadores pola caída da demanda, asegure que a consolidación de emprego é absolutamente necesaria?
¿Como se fai compatible dicir que sobran traballadores e a súa vez convocar prazas? A menos que se substitúan traballadores con xornada completa e cuns dereitos adquiridos como os funcionarios, por outros de xornada a tempo parcial ou fixos discontinuos e cuns dereitos minguados grazas á reforma laboral.

O presidente de Correos tamén dixo na súa comparecencia que este recorte de persoal estaba acordado cos axentes sociais, é dicir polos sindicatos........ E preguntámosnos ¿Con que sindicatos acordaron este recorte de persoal? ¿Cando pretendían estes sindicatos comunicar os recortes de persoal que acordaron con Correos? ¿Por que mantiveron este acordo en segredo? ¿Que outros acordos tomaron e non nolo din?
Como traballadores de Correos temos o dereito a saber quenes foron estes sindicatos que asumen acordos coa empresa ás nosas costas e porque escura razón os manteñen en segredo.

O Secretario Xeral da CIG solicitou unha reunión urxente co presidente de Correos para que nos informe detalladamente todas as medidas anunciadas na súa comparecencia do día 19.