2 de mar. de 2012

Aberto o prazo de preinscripción nas escolas infantís de 0-3 anos dependentes da Consellaría de Traballo e do Consorcio

A Secretaría da Muller da CIG informa de que se vén de abrir o prazo de preinscripción nas Escolas Infantís 0-3 anos, dependentes da Consellaría de Traballo e Benestar e do Consorio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (Rede "Galiñas Azuis"), nas que xa se aplicarán os novos prezos estabelecidos pola Xunta para as garderías, que no caso dalgúns servizos, como o de comedor, mesmo chegan a duplicar o custe actual.
Poderán solicitar praza as nais, pais ou representantes legais dos/as nenos/as residentes en Galiza, e que teñan nacido no momento de presentar a solicitude, que cumpran o requisito de teren cumpridos os tres meses na data de ingreso e non ter cumpridos os 3 anos o 31 de decembro de 2012.

Os nenos e as nenas escolarizados/as durante o curso 2011-2012 en calquera das escolas infantís da Consellaría terán dereito preferente á renovación da súa praza. As/os nenas/os matriculadas/os en xornada de tarde só poderán reservar praza nese mesmo horario.

Hai que ter en conta que este ano a Xunta unificou nunha mesma solicitude a renovación, o novo ingreso, xunto co cheque infantil.

As solicitudes presentaranse nos rexistros únicos das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde teña o seu domicilio a persoa solicitante ou ben en formato electrónico a través da sede da Xunta de Galiza no enderezo: https://sede.xunta.es.

O prazo para a presentación das solicitudes tanto de reserva de praza como de novo ingreso será desde o día 1 ao 31 de marzo, ambos os dous incluídos.

Consulta o DOG no que aparece publica a orde que regula este procedemento. Tamén podes obter máis información visitando as webs escolasinfantis.net ou www.igualdadebenestar.org

Consulta aquí a noticia da Secretaría valorando as novas taxas das escolas infantís.