Amosando publicacións coa etiqueta voto por correo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta voto por correo. Amosar todas as publicacións

8 de out. de 2026

A CIG denuncia as declaracións vertidas polo PP e VOX poñendo en tela de xuizo a profesionalidade das traballadoras de Correos.

 


Por medio da presente dende a C.I.G. temos a ben denunciar as declaracións vertidas dende as cúpulas de diversas forzas políticas de dereita e ultradereita poñendo en tela de xuizo a profesionalidade e o cumprimento da Lei dun Servizo Público como é o prestado por Correos no Voto por Correo.

Vaia por diante que calquera persoa que teña votado por correo sabe do traballo e as esixencias que conleva a súa xestión. Deben pasarse tres filtros de seguridade. Hai un primeiro filtro de seguridade que é a Solicitude de Voto, que debe ser presentada polo propio elector identificándose co seu D.N.I. se o fai dende unha Oficina de Correos, ou con certificado dixital se se fai de xeito telemático dende a web. O segundo filtro de seguridade é a recepción da Documentación Electoral, que só pode ser entregada polo carteiro ó elector en persoa debidamente identificado, de novo, mediante o D.N.I. Este envío é un Certificado Oficial Urxente no que se inclúen todas as papeletas, o sobre de voto, o de voto por correo e a certificación censal. E o terceiro filtro de seguridade é que o elector debe depositar en persoa o sobre de voto nunha Oficina de Correos, identificándose por medio do D.N.I. de novo, por terceira vez. A remisión de todos os envíos de Documentación Electoral está supervisado polas Xuntas Electorais, formadas por xuices. Faise constar ademais que unha vez solicitado o voto por correo non poderá efectuarse o voto en persoa en furna o día dos comicios.

Facemos mención dende a C.I.G. que desapareceron 20.000 postos de traballo en Correos na derradeira década, dos que 5.400 desapareceron nos últimos dous anos. Non se cobren baixas, xubilacións, traslados, decesos, vacacións... Non se destruíu emprego estrutural, pero deixa de xenerarse o emprego eventual imprescindible pra vertebrar o territorio. A falta do persoal preciso é a carencia certa e o gran problema de Correos estes anos, saneando contas a base de recortar postos de traballo.

Pero no canto disto o que resulta esperpéntico son as declaracións tanto do Partido Popular como de Vox ó solicitar que non se vote por correo. A dereita e a ultradereita mais neoliberal, no mais puro estilo “el que pueda hacer que haga”. Estas gravísimas e totalmente inaceptables declaracións non só poñen en tela de xuizo a profesionalidade e o cumprimento da Lei por parte de Correos, senon que asimesmo socavan a credibilidade da Administración e da propia democracia en España. Os votos que se admiten a través das 2.388 Oficinas de Correos son custodiados provincialmente, arquivados e controlados por medio de relacións detalladas en despachos precintados ata o dia dos comicios. Ese día, eses millóns de votos (2.5 millóns no 2.023) son levados polos 30.000 carteiros a todas as Mesas Electorais. Controlados, rexistrados, selados, sen sinais de ter sido abertos e voltos a pechar. A posibilidade de manipular ese tan elevado número de votos xestionado en tal cantidade de unidades non só é mentira. É absolutamente imposible.

Ante este ataque debera ser a propia Administración quen saíse, por ética á palestra para defender o bon facer dos seus empregados e do seu servizo. Tanto por parte da Presidencia de Correos como do propio Ministerio, ou da propia S.E.P.I. Isto é algo do que non se pode xenerar nin controversia nin dúbida ningunha nin hoxe, nin nunca. Goberne, ou malgoberne millor dito a cor política que o faga. E todas e todos os demócratas debemos tamén estar á altura, esixindo e defendendo a credibilidade, o rigor e a legalidade das Administracións e non permitindo que as socaven e atenten contra a democracia misma. Non vale todo. Ningún ataque como este ten cabida algunha, veña dende a esquina neoliberal que veña.