👉Desde o BNG de Lalín valoran “como un mínimo avance” a resposta de Correos ao Concello de Lalín pola moción presentada en marzo. No escrito admítese que "son unha realidade as súas demandas e que este servizo público que paga a cidadanía cos seus impostos precisa de cambios".
👉Para o voceiro municipal, Francisco Vilariño, a resposta “non pode quedar só en boas palabras" porque "os cadros de persoal están diezmados". "Se non se cubren as vacantes, as baixas médicas de longa duración (IT), nin as licenzas, permisos e vacacións co persoal restante, mal se pode mellorar a calidade do servizo de reparto postal no noso concello".
👉Incide en que "nun entorno de moito rural, con centos de quilómetros de percorrido, onde os carteiros rurais fan máis do 75% do reparto na zona urbana, resulta unha tarefa case imposible de asumir". Isto "está provocando unha gravísima deterioración do servizo, como xa se ten posto de manifesto en múltiples ocasións polo BNG e numerosos veciños afectados".
👉Apunta o BNG local que "só a profesionalidade dos traballadores e o seu voluntarismo fan que se manteña en parámetros mínimos de eficacia e eficiencia", aos que desde o BNG “agradecen o seu esforzo e sacrifício”.
👉Vilariño agarda que os responsables competentes desta empresa pública “tomen cartas no asunto (nunca mellor dito) e non sigan castigando sen cubrir as vacantes e as baixas do cadro de persoal necesario". Di que é "unha evidencia" que faltan moitos efectivos porque só abonda comprobar que o casco urbano de Lalín está sendo atendido polos carteiros e carteiras titulares dos servizos de reparto nas parroquias do rural de Lalín, pero tamén por carteiros de Agolada, Dozón e Rodeiro.
👉 "É un auténtico atropelo e vai en claro prexuízo dos veciños que viven no rural dezao", conclúe.
👉 Sinala o BNG que "se estamos falando de deficiencias claras no servizo de reparto é debido á pasividade dos responsables xestores, xa que estas carencias que padecen só teñen ido aínda a peor nos últimos meses".
👉 Para os nacionalistas “abonda xa de boas palabras” e esixen "menos teoría filosófica e máis contratación de persoal eventual de reparto". "Non se pode seguir explotando a estes niveis aos carteiros do plantel e esixir calidades inasumibles por que non se fai máis que recortar no gasto de contratación por parte da empresa Correos", di Vilariño.
👉 Diante desta "grave situación, que se arrastra desde hai moitos anos, o BNG esíxelle ao goberno municipal que non mire para outro lado, converténdose en cómplices da empresa e deixando vendidos aos veciños e traballadores que son os que teñen que sufrir as nefastas consecuencias desta errada política".
Nota de prensa:
DEFENDE A TÚA DIGNIDADE!!
CIG CORREOS O TEU SINDICATO.