6 de set. de 2016

CIGcorreos: Pechada a oficina auxiliar de Sta. Cruz en Oleiros na Coruña

Correos pecha dende o día 1 ata o día 9 de setembro
a oficina de Sta. Cruz por motivos "OPERATIVOS"


Correos transforma a falta de previsión e a ineptitude dos seus xestores en "motivos OPERATIVOS" para xustificar diante dos veciños o peche desta oficina auxiliar do concello de Oleiros.

O peche desta oficina cun horario de atención ó público de 8:45 a 10:45 obriga os usuarios da mesma a ir recoller as entregas que lles pasaron a lista á oficina de Perillo situada a varios quilómetros de distancia, ademais de ter que desprazarse ata dita oficina para facer uso de calquera dos servizos prestados por Correos. Non esquezamos que estamos en plena campaña electoral e a solicitude do voto por correo é un dos servizos mais demandados pola veciñanza, que tamén terán que ir solicitar dende Perillo.

Dende a CIG Correos xa denunciamos repetidas veces a falta de previsión de Correos así como a falta de persoal suficiente nas bolsas de substitución coa formación necesaria para desempeñar as funcións dos postos que dependen desas bolsas. Dende a empresa fixeron oídos xordos ás nosas demandas e as consecuencias son que nos atopamos con oficinas pechadas porque non encontraron persoal cualificado para substituir á traballadora durante o seu periodo vacacional.

A CIG Correos demanda unha rápida actuación para solucionar este problema que pasa por contratar de maneira urxente o persoal necesario e coa formación precisa para facer esa substitución e cubrir así as necesidades dos usuarios da oficina de Sta. Cruz, en Oleiros, na Coruña; para deixar de penalizar tanto a estes usuarios como a todos os compañeiros que se ven recargados para levar o reparto desa zona.

Olla na prensa:  Opinion A Coruña