18 de mar. de 2016

#CIGcorreos: Outro servicio de Correos a extinguir, o prestado polas Oficinas Auxiliares

A sangría da eliminación de servizos prestados por Correos non ten límite


A día de hoxe á maioría das oficinas auxiliares Correos xa lles retirou a balanza franqueadora, coñecida como "EPELSA", desta maneira os servizos que poden prestar quedan moi reducidos, véndose obrigadas a exercer como meros puntos de atención, limitadas á recollida da correspondencia ordinaria e pouco máis, porque calquera outro servicio teñen que facelo a través das súas oficinas técnicas de referencia.



Este feito en principio leva aparellado o incremento da problemática para o persoal que presta o seu servizo nestas oficinas, por privalos dos medios técnicos necesarios para afrontar os servizos que ofertan e a dificultade á hora tanto de mandar como de recoller correspondencia por parte dos usuarios.

Con posterioridade vai supoñer  a supresión de mais de 50 postos de traballo en Galiza e cando se leven a cabo estes peches a poboación á que serven terá que desprazarse quilómetros ata a oficina máis próxima para facer uso do servizo de Correos, tanto para depositar envíos como para recibir certificados, notificacións, paqueteria, etc... que os carteiros deixan na oficina para que lle sexa entregada ao destinatario cando non se atopou no domicilio á hora do reparto. 

Tendo en conta que estas oficinas atenden principalmente a zonas rurais e que nestas habitan persoas de avanzada idade, coidamos que esta medida non se debería levar a cabo, xa que atende exclusivamente a criterios de rendabilidade económica, esquecéndose da rendibilidade social.

Correos como prestador do Servizo Postal Universal, recibe unha subvención para atender este servizo que loxicamente resulta deficitario no ambito rural e non pode deixar desatendida á poboación destas zonas.

Nós vemos esta actuación enmarcada, dentro da política de Correos de redución de oficinas de atención ao público, nun obxectivo aínda mais amplo, que unha vez rematada con esta fase, continuará suprimindo aquelas oficinas técnicas que económicamente non sexan rendibles, postura que xa denunciamos dende o primeiro momento dende a CIG.

Para ollar como recolleron esta nova na prensa preme