28 de out. de 2013

O comercio electrónico, o futuro de Correos

O director de Correos da Zona 1, que inclúe Castela e León -agás Soria-, Galicia e Asturias, Anxo Pérez Pérez, apuntou onte que Correos está a dedicar os seus maiores esforzos ao comercio electrónico e é, actualmente, a súa «principal aposta e resposta».


Pérez realizou estas manifestacións aos xornalistas durante a visita ao Centro de Tratamento Automatizado de Valladolid do delegado do Goberno en Castela e León, Ramiro Ruiz MedranoPérez subliñou que se creou «unha unidade especial exclusiva para o comercio electrónico» e recoñeceu que Correos se está a centrar en «poñer en valor» os seus servizos e que os emprendedores e autónomos encontren «esa garantía, seguridade e entrega en prazo».


Froito deste novo escenario, o centro de Valladolid incorporou, xunto a outros once en España, un Sistema de Clasificación de Paquetería, unha máquina que permite realizar a admisión, automatización e informatización de todos os procesos.

Pérez detallou que o centro valisoletano conta cuns 160 traballadores, un número que se incrementou levemente dado este auxe do comercio electrónico, aínda que a diminución de correo postal tamén influíu.

«Houbo un incremento de emprego moi curto porque aínda que é verdade que está a aumentar a paquetería, non é menos certo que está a diminuír a carta común», explicou Pérez acerca dun centro de tratamento automatizado que manexa un millón de cartas e vinte mil paquetes ao día.

Pola súa parte, o delegado do Goberno en Castela e León, Ramiro Ruiz Medrano, resaltou «o labor eficaz, a seguridade coa que se realiza o traballo en Correos, a modernidade e a rapidez».

Fonte: El diario de León