3 de xul. de 2013

Publicada a resolución de axudas para os traballadores que se acollan á redución de xornada para o coidado de fillos/as

A Secretaría de Muller da CIG informa que acaba de saír publicada no DOG a resolución de axudas dirixidas aos homes e familias monoparentais, en que a persoa solicitante, home ou muller, sexatraballador/a por conta allea, e que durante o pasado ano se acolleron a unha redución da súa xornada laboral para o coidado de fillos ou fillas menores de 3 anos.
As axudas, destinadas á conciliación da vida familiar e laboral e como medida de fomento da corresponsabilidade, serán concedidas aos traballadores por conta allea ou familias monoparentais, que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2012, se acolleran a unha redución da súa xornada laboral para dedicarse ao coidado dos seus fillos ou fillas menores de 3 anos.

Para ter dereito a axuda deberase manter a situación de redución de xornada durante un mínimo de 60 días naturais ininterrompidos e un máximo de oito meses comprendidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2012. En ningún caso o período para o que se solicita a subvención pode coincidir co permiso por maternidade nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade.

Os formularios de solicitude pódense descargar no documento anexo a esta nova, na sede electrónica da Xunta de Galiza (https://sede.xunta.es). O prazo para presentar as solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza (DOG do 1de xullo de 2013).

 Para descargar a resolución do DOG prema aquí