15 de mar. de 2013

Para afiliados da CIG: Aberto o prazo de solicitude de prazas para as Residencias de Tempo Libre

Ábrese o prazo de entrega de solicitudes para as Residencias de Tempo Libre de Panxón e do Carballiño. As solicitudes faranse cubrindo o modelo oficial publicado no Diario Oficial de Galicia, nº 49, de data 11 de marzo de 2013, que se achega, e deben ser enviadas antes do domingo 24 de marzo, xunto coa fotocopia do documento de identidade ben ao FAX do local nacional da CIG (981 571 082) ben por correo electrónico a: iagocarreira@galizacig.net
A orde ten por obxecto regular o procedemento de adxudicación de estadías e servizos das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño para o ano 2013, sitas nas localidades de Panxón-Nigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense).

Poderán ser destinatarias todas as persoas maiores de idade, ou menores sempre que vaian acompañadas das/os súas/seus proxenitores ou titores/as legais e a distribución de prazas será compartida nun 50% entre a Consellaría de Traballo e Benestar e as centrais sindicais, en razón da súa representatividade.


O servizo de residencia consistirá no aloxamento e mantenza en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ás persoas beneficiarias. 

Os prezos, tanto para os servizos de residencia como para as/os non residentes, establécense no Decreto 84/2012, do 16 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestación das residencias de tempo libre.

Polo que respecta ás prazas adxudicadas pola Consellaría de Traballo e Benestar, farase unha única solicitude por unidade familiar para as quendas solicitadas.

Non se admitirán as solicitudes que inclúan persoas que gozaron dalgunha quenda na mesma residencia nalgún dos anos anteriores.

Achégase a orde do DOG mais o modelo oficial para información dos/das afiliados/as interesados/as.


Fonte: Avantar