Miles de persoas participaron este domingo nas manifestacións convocadas
pola CIG en toda Galiza con motivo da conmemoración do 10 de Marzo, Día
da Clase Obreira Galega. Fronte ás políticas neoliberais aplicadas
polos gobernos, que só sexan miseria e desemprego, a central
nacionalista centrou as reivindicacións deste ano na defensa do dereito a
un emprego digno, á negociación colectiva como ferramenta fundamental
da clase traballadora e na defensa dos nosos dereitos nacionais. Para
conseguir estes obxectivos, a CIG insiste na necesidade de
concienciarse, organizarse e loitar.
Ao pé da estatua na memoria de Amador Rei e Daniel Niebla, mortos a
mans da policía fascista no marco das loitas obreiras do ano 72, o
Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo facía un repaso polas últimas
medidas e recortes aplicados polos gobernos do PP baixo a consigna da
austeridade. Unhas políticas antisociais que teñen xerado máis
desemprego, unha profanación na destrución do noso tecido produtivo,
máis desigualdades sociais e, en definitiva, máis miseria. (Galería de imaxes)
Unhas
perspectivas non se presentan mellores para este ano, toda vez que os
gobernos do PP -seguindo as directrices de institucións como o BOCE, FI
ou a CE- teiman nas súas políticas neoliberais de recortes e perda de
dereitos da clase traballadora.
Neste contexto, o Secretario Xeral
da CIG insistiu na necesidade de defender os convenios colectivos, pois
un dos principais obxectivos das sucesivas contrarreformas laborais é
provocar unha caída xeneralizada dos salarios, a través da usurpación da
negociación colectiva como ferramenta fundamental da clase obreira “na
loita pola plusvalía que os/as traballadores/as levan adiante coa
patronal”.
“Sabían que tiñan que quitarlle forza, deixando aos
traballadores/as nunha situación clara de desvantaxe fronte a patronal e
dunha enorme debilidade á hora de defender os seus dereitos e ás súas
condicións de vida e de traballo”, denunciou. Seixo advertiu que por mor
da limitación da ultraactividade dos convenios introducida coa reforma
laboral do PP, este ano 400.000 galegos e galegas poderían quedar sen
convenio colectivo.
Para evitar esta perda de dereitos, a CIG
leva meses na procura dun acordo con CCOO e UGT para ter garantías de
que non se asinarán convenios de empresa por debaixo dos convenios
sectoriais, nin tampouco convenios de sector con perda de dereitos. “O
capital está a aproveitar a crise para afondar neste modelo económico
ultraliberal e tirar abaixo todo un conxunto de dereitos e condicións
laborais e de vida conquistados tras anos de loita do movemento obreiro,
co obxectivo de incrementar a súa marxe de beneficio e seguir no
proceso de concentración de riqueza en poucas mans e centralización dos
centros de decisión”, afirmou.
Fronte a isto, Seixo defendeu que
neste Día da Clase Obreira Galega, a defensa dos nosos dereitos
nacionais, do dereito de autodeterminación, do dereito a decidir
libremente como pobo, pasa tamén a un primeiro plano. “O noso futuro non
pode estar en mans do BCE, do FMI, da CE, ou o que é o mesmo, en mans
da banca alemá ou da oligarquía financeira española. O noso futuro temos
que poder decidilo libremente os galegos e galegas e por iso é preciso
ter un Goberno e un Parlamento con plenas competencias, plenamente
soberano”.
Coa vista posta na consecución doutro modelo económico
e social, o Secretario Xeral da CIG chamou a organizarse e proseguir na
loita para mudar a correlación de forzas a favor das clases populares,
“como historicamente fixo a clase traballadora, como fixeron Amador e
Daniel, como sempre defendemos dende a CIG”, concluíu.