5 de out. de 2012

SUPRESIÓN DA PAGA EXTRAORDINARIA DE DECEMBRO: RECLAMACIÓNS E RECURSOS

Os servizos xurídicos da CIG desaconsellan presentar reclamacións individuais

Están a ser distribuídas, por diferentes colectivos e organizacións, varios modelos de reclamación ou recurso individual contra a aplicación da nova redución salarial aos empregados públicos, operada mediante « a supresión tanto da paga extraordinaria como da paga adicional de complemento específico ou pagas adicionais equivalentes do dito mes », consonte aos artigos 2 e 3 do Real Decreto -lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria.
Tales modelos baséanse, en todos os casos, en que a supresión da paga extraordinaria completa entrou en vigor en data posterior á aquela en que a paga comeza a ser xerada  e, polo tanto, non pode suprimirse na súa totalidade, mediante unha aplicación retroactiva dos efectos da medida adoptada. A Asesoría Xurídica Nacional da CIG desaconsella ás empregadas e empregados públicos a presentación de reclamacións -tipo, polos seguintes motivos:
a) A supresión da paga extraordinaria non responde a unha decisión administrativa, senón que é consecuencia do mandato dunha norma con rango de lei formal. As administracións, organismos, entes ou empresas públicas non poden deixar de aplicar unha lei, polo que esas reclamacións están condenadas ao fracaso en vía administrativa.
b) A presentación de reclamacións -tipo pode ter consecuencias negativas para a persoa interesada. Se a administración emite unha resolución desestimatoria e esta non é impugnada xudicialmente, prodúcese un acto administrativo firme e consentido, de modo que a interesada non pode repetir a reclamación no futuro.
c) A presentación de demandas xudiciais, nomeadamente en vía contencioso -administrativa, pode carrexar a imposición de custas procesuais. Ademais, unha sentenza desestimatoria produce o efecto de cousa xulgada, coas mesmas consecuencias, xa explicadas no punto anterior, que un acto administrativo firme e consentido.
En todo caso, as reclamacións non poden dirixirse contra o real decreto-lei, senón contra os seus actos de aplicación e, particularmente, contra a redución en nómina da paga extraordinaria, que terá lugar no mes de decembro.
Recursos de inconstitucionalidade presentados por Navarra e Extremadura
Dado que a supresión da paga extraordinaria foi acordada mediante Real Decreto -lei, só o Tribunal Constitucional pode resolver sobre a súa conformidade a dereito. Igual que a administración, os xulgados e tribunais ordinarios non poden deixar de aplicar unha norma legal. Como moito, poden elevar ao Tribunal Constitucional a denominada « cuestión de inconstitucionalidade » (art. 163 CE) se entenden que a lei que deben aplicar é contraria á Constitución, o que acontece en moi raras ocasións. A outra posibilidade de que o Tribunal Constitucional poida resolver sobre a eventual inconstitucionalidade do Real Decreto-lei 20/2012, do 13 de xullo, é que algún dos suxeitos lexitimados -50 deputados, 50 senadores, o defensor do pobo ou unha comunidade autónoma- presente o que se chama «recurso de inconstitucionalidade» (art. 162 CE).
Neste sentido, o pasado día 27 de setembro, o pleno do Parlamento de Navarra decidiu recorrer perante o Tribunal Constitucional a supresión da paga extraordinaria de decembro dos empregados públicos, baseándose tanto na « in- idoneidade constitucional » do decreto -lei para suprimir, a metade de exercicio, un dereito retributivo  básico, como na posíbel vulneración das competencias forais sobre función pública. Tamén a Asemblea de Extremadura aprobou, o día 21 de setembro, presentar recurso de inconstitucionalidade, por razóns similares.
Se o Tribunal Constitucional estima os recursos de Navarra e Extremadura, declarando a inconstitucionalidade do decreto -lei, a sentenza beneficiará a todas as empregadas e empregados públicos, salvo a aqueles que, como consecuencia dunha reclamación individual, obtiveran unha resolución desestimatoria firme e consentida en vía administrativa, ou ben  unha sentenza desestimatoria con efectos de cousa xulgada en vía xudicial.
A CIG apoia todas as accións reivindicativas que se utilicen para mostrar o rexeitamento das empregadas e empregados públicos a un conxunto de medidas que constitúen un ataque sen precedente aos nosos dereitos individuais e colectivos. Non obstante, fai un chamamento á cautela para evitar resolucións desfavorábeis que poidan prexudicar os propios interesados.