Baixo a consigna “Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos
arruínen” e ao berro de “folga xeral”, máis de 350.000 persoas saíron na
tarde deste xoves ás rúas de todo o País para rexeitar as gravísimas
medidas que vén de aprobar o Goberno de Mariano Rajoy, co obxectivo de
profundar no recorte dereitos e a precarización das condicións de vida e
de traballo da maioría social, mentres se protexen e benefician os
intereses de banqueiros, especuladores e defraudadores. A CIG anima a
dar unha resposta social con igual dureza que as políticas do PP e
aposta por preparar xa un calendario de folgas xerais, cuxa primeira
data de referencia podería ser o vindeiro mes de setembro.
As dez mobilizacións, convocadas conxuntamente por CIG, CCOO e UGT,
marcan o inicio dun calendario de protestas que se prevé longo e
intenso, á vista da gravidade das políticas antisociais aplicadas polos
gobernos do PP. As manifestacións foron un éxito e conseguiron
destacatos niveis de participación. Así en Vigo saíron á rúa máis de
100.000 persoas; na Coruña foron máis de 70.000; en Ferrol unhas 55.000;
Compostela superou as 40.000; ao igual que en Pontevedra; en Ourense
manifestáronse unhas 25.000 persoas; en Lugo e Vilgarcía máis de 10.000;
e no Barco unhas 800 persoas.
Para ver máis imaxes das manifestacións prema aquí
Prensa: La Voz de Galicia, Faro de Vigo, La Opinion
O Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, que iniciou a súa intervención
ao remate da manifestación celebrada na Coruña agradecendo a masiva
participación cidadá, asegurou que o último paquete de medidas imposto
polo Executivo de Mariano Rajoy “son a primeira consecuencia” do
multimillonario rescate á banca.
Seixo criticou non só a dureza
das medidas aprobadas polo PP, senón tamén a forma -vía decreto-lei- e
os argumentos utilizados para xustificalas, que manifestan un xeito de
enteder o goberno baseada “na mentira, na demagoxia, no elitismo e no
desprezo máis absoluto cara ás clases traballadoras e os sectores da
sociedade máis desfavorecidos”. A este respecto, censurou os aplausos
dedicados á Mariano Rajoy dende as bancadas populares o día no que este
anunciou o recorte de 65.000 millóns de euros no Congreso dos
deputados/as, así como o reiterado e falso discurso de que estas son as
únicas políticas posíbeis.
Neste senso, o Secretario Xeral da CIG
advertiu que estas políticas non son a solución á crise, “nin están
pensadas para iso”, senón que, pola contra, provocarán máis recesión,
máis paro e máis empobrecemento da poboación. “A dereita herdeira do
franquismo quere aproveitar a crise económica para impornos o seu modelo
económico e social e o seu modelo de estado centralista, provocando
unha enorme involución nos dereitos sociais e laborais, pero tamén no
relacionado coas liberdades públicas e co pluralismo político”, alertou.
Chamada á convocatoria dunha folga xeral
Por
iso, a central nacionalista chama a continuar na mobilización e na
contestación social para parar este saqueo masivo ao pobo, dando unha
resposta con igual dureza e intensidade que as políticas do PP e
preparando xa un calendario de folgas xerais de aquí a finais de ano. “A
próxima, adiantou, temos que facela canto antes e o mes de setembro
pode ser un bo mes de referencia”. “Non podemos permitir que continúen
con esta política de desmontar todo un sistema de servizos públicos, de
protección social e de calidade de vida que conseguimos tras moitos anos
de loita e sacrificio das clases traballadoras”.
Dende a CIG
demandouse, unha vez máis, a adopción de medidas alternativas, porque
existen, que permitirían realmente encamiñar unha saída á crise
económica. Medidas que inevitabelmente teñen que incluír unha suba dos
impostos para as grandes fortunas e empresas; perseguir a fraude fiscal
(e non premiar cunha amnistía aos defraudadores/as); reducir o gasto
militar; retirar as axudas millonarias á igrexa e obrigala a pagar os
impostos; investir en educación, sanidade e protección social; garantir
uns salarios dignos a toda a clase traballadora, tamén para o persoal
das administracións públicas; garantir prestacións dignas ás persoas sen
emprego; facilitar o crédito aos autónomos/as e pequenas empresas; e un
apoio decidido ao tecido produtivo, xa que este “é o que realmente crea
emprego e non os especuladores”.
Porén, aseverou Seixo, aplicar
estas medidas precisaría dun cambio de rumbo radical no PP e que este
estea disposto a “gobernar en función dos intereses da maioría social e
non en función dos intereses de banqueiros, especuladores, grandes
empresas, que é para quen gobernan o Sr. Rajoy e o Sr. Feijoo, co amparo
e baixo as directrices da CE, o BCE e o FMI”, concluíu.