19 de dec. de 2025

Calendario Laboral Correos 2026


Publicouse o Calendario Laboral de Correos para o ano 2026, de aplicación a todo o persoal funcionario e laboral que presta servizos no conxunto do Estado e en Andorra. A continuación recóllense os aspectos máis relevantes:

Xornada de traballo

  • A xornada anual será de 1.711 horas.

  • A xornada ordinaria é de 37,5 horas semanais de media, en cómputo trisemanal.

  • Establécese unha pausa de 20 minutos, computable como tempo efectivo, cando a xornada diaria supere as 5 horas continuadas.

  • O persoal en réxime de especial dedicación realizará unha xornada de 40 horas semanais, cun tramo de horario fixo entre as 9:15 e as 14:30 horas.

Horarios

  • Poderán establecerse quendas de mañá, tarde e noite segundo as necesidades do servizo.

  • O traballo en domingos e festivos limitarase ao persoal mínimo imprescindible.

  • Os horarios e cadros de servizo deberán publicarse nos centros de traballo e garantir o rexistro diario da xornada.

Festivos

  • En 2026 haberá un máximo de 14 días festivos, dos cales dous serán locais, conforme ao establecido polo BOE e polas comunidades autónomas.

  • Os servizos en festivos organizaranse con antelación mínima dun mes e informando á representación sindical.

Vacacións

  • O persoal funcionario terá dereito a 22 días hábiles ou a un mes natural de vacacións.

  • O persoal laboral gozará de un mes natural de vacacións por ano completo de servizo.

  • Con carácter xeral, as vacacións desfrutaranse entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, segundo as porcentaxes establecidas por quincenas.

  • As vacacións deberán quedar planificadas e publicadas antes do 30 de abril.

Días adicionais

  • Establécense días adicionais de vacacións por antigüidade, de ata 4 días hábiles.

  • Ademais, o persoal terá dereito a 6 días de asuntos particulares ao ano, ampliables por antigüidade no caso do persoal funcionario.

  • Estes días poderán acumularse ás vacacións se o servizo o permite.

Semana Santa e Nadal

  • En Semana Santa e nos días 24 e 31 de decembro traballará só o persoal imprescindible, con dereito ás gratificacións correspondentes.

  • Como norma xeral, non se prestará servizo os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, agás nos centros de tratamento con quendas nocturnas.

  • Durante a Campaña de Nadal/Paquetería poderán concederse ata dous días de permiso sen penalización, se o permite a organización do servizo.

Desde a CIG-Correos lembraremos que calquera aplicación do calendario debe respectar os dereitos do persoal e será obxecto de seguimento sindical.