7 de xuño de 2025

A CIG sindicato maioritario na Galiza convoca folga en Correos o 27 de Xuño

                                                  

A CIG convoca FOLGA o vindeiro venres 27 DE XUÑO en contra do Acordo Marco asinado por Correos e os sindicatos CCOO, UGT e CSIF. 

Estes sindicatos están citados para ratificarse na negociación o día 30 de xuño e comezar coa segunda Fase do proceso. Nesta Segunda Fase pretenden  modificar á baixa as condicións laborais e retributivas de todos os traballadores e traballadoras de Correos e ademais que o negociado no Acordo Marco se inclúa no IV Convenio Colectivo. 

Estas son algunhas das medidas da Segunda Fase (que xa se están aplicando):
  • Compromiso de que os gastos de persoal anual non superen o 70% dos ingresos. Isto quere dicir que como mínimo debe reducirse o cadro de persoal de Correos en 8 mil traballadores/as. Ademais de Contratación Cero ou reducida a mínimos nunca vistos en Correos.
  • Un Plan de saídas de traballadores/as LOWCOST para o persoal laboral feita á medida para reducir gastos á empresa.
  • Creación do “Cuarto Turno”, de martes a sábado tarde. Non especifica cal será o sistema de selección dos traballadores/as nas unidades afectadas que pasarán a prestar servizo nesa quenda.
  • Modificar a estrutura dos grupos profesionais e Áreas funcionais. Traducido CHICO PARA TODO pretenden que fagamos o traballo de ATC, Axente Clasificación ou Reparto segundo as necesidades da Empresa.
  • Transformación Integral do Rexime Retributivo, despregando sistemas de medición individual do desempeño e incentivos.
  • Calendario estacional variable en función da carga de traballo prevista en cada estación. Variarannos o horario en determinados meses do ano, as xornadas non poderán ser inferiores a 5 horas nin superiores a 9 horas diarias.
  • Comprométense a actualizar, aínda máis, a mobilidade funcional, xeográfica e intercentros.
  • Se queres cobrar unhas esmolas máis ao final de mes terás que vender os teus dereitos e NON desfrutar as vacacións nos meses de xullo, agosto e setembro ou poñer a disposición da empresa o 10% da túa xornada anual, é dicir 170 horas.
Se firman estes sindicatos o día 30 de xuño seremos os empregados das empresas públicas con menos dereitos de toda administración.

A CIG NON VENDE OS DEREITOS,

DEFENDEOS !!