Canta mais poboación e industria, menos carteiras e carteiros
A CIG- Correos Vigo, denuncia a situación de perda de servizo que Correos está a provocar na Comarca do Val Miñor , con decisións nas que se pon en risco o cumprimento da lei postal e do Servizo Postal Universal en unha comarca en crecemento demográfico e industrial.
A empresa pública Correos que tanto se ten gabado nos últimos tempos , de ser unha entidade comprometida co rural, reduce persoal e non ten servizo de atención o público en horario de tarde.
Levan máis dunha década marchando contra corrente, sinalan dende o sindicato CIG. Na mentres a comarca creceu máis de 1000 veciños nos últimos anos e se desenvolveron os polígonos industriais da Pasaxe e o de Porto do Molle, Correos reduce persoal de reparto e de oficina. Isto leva a que na actualidade haxa seccións de reparto desproporcionadas, provocando que a distribución dos servizos postais non se faga con arranxo a normativa postal en vigor. Posto que hai zonas onde non se está a repartir os cinco días da semana, que recolle a Lei Postal. É un escando que unha entidade dependente da administración sexa quen incumpre a legalidade.
Sendo certa a baixada do volume de correo tradicional, que pode aducir a empresa, non é menos certo o aumento de outros produtos e servizos que Correos está a incorporar, sinalan dende a central sindical. A redución de persoal con prazas que non se cobren provoca un desaxuste no servizo que trae consecuencias para a cidadanía e para os traballadores, que están a sufrir en determinados casos situacións de ansiedade.
Por outra parte as veciñas e veciños dos catro concellos que se atenden dende as oficinas e Unidade de Reparto do Val Miñor (Gondomar, Nigrán , Baiona e Oía), carecen de unha oficina de atención o público en horario de tarde en toda a comarca.
Outro aspecto que en ningún momento se ten en conta por parte da empresa e o crecemento estival. Así é que cando se triplica a poboación na comarca, Correos é cando máis reduce os efectivos, posto que non se cobren as vacacións de todo o persoal.
A CIG reclama unha revisión da situación antes de que o clima laboral e o servizo a cidadanía siga a deteriorarse máis.
Prensa: