16 de xuño de 2016

A CIG solicita un reparto extraordinario para o sábado 18 de xuño




A CIG solicita ao Director Territorial da Zona 1ª ao igual que o fixera ante RRHH de Madrid un reparto extraordinario para o vindeiro 18 de xuño.

Entendemos que un reparto extraordinario esta máis que xustificado debido ao volume de traballo que se viu aumentado a causa de que se triplicaran as solicitudes de voto por correo para estas eleccións en comparación ás das pasadas eleccións do mes de decembro, a isto temos que sumarlle a falta de persoal que vimos denunciando en Galiza durante estes últimos anos engadindo ademais que o vindeiro 24 de xuño é festivo e que recentemente chegou o día 14  a propaganda electoral dos partidos PP e Cds.

Ningún dos sindicatos asinantes do Convenio defenden un reparto extraordinario moi pola contra calan, alentando así a que a empresa a través dos seus xefes  inviten aos traballadores amablemente a que teñan que saír a repartir pola tarde con frases como que "os envíos non poden penalizar", “para iso nos pagan”, “se pasas parte de pendentes non vas a cobrar a campaña” etc.

Lembrámoslle unha vez máis a estes supostos defensores dos dereitos dos traballadores e a estes Xefecillos que: Traballar pola tarde só se pode facer se o traballador o fai voluntariamente, a empresa autorízao expresamente e apúntanselle as horas extras para compensalas por diñeiro ou por tempo libre. A empresa Correos debe achegar unhas follas de firma para que se poida asinar a entrada e a saída das horas extras, así estaremos cubertos en caso de accidente.


Se queres facer horas extras, sempre voluntariamente, debes asinar unha folla de control con hora de inicio e de fin de xornada (Orde de Inspección de Traballo 8/0034850/15).