18 de set. de 2015

7ª Xuntanza do Convenio

O pasado 15 de setembro celebrouse a 7ª xuntanza “oficial” empresa – sindicatos para negociar o IV Convenio Colectivo da Sociedad Estatal Correos y Telégrafos S.A. A pesar que esta reunión foi convocada sen orde de día nin documentación algunha, tratáronse dous puntos: Consolidación de Emprego e Devolución da parte da paga extra do 2012.

DEVOLUCIÓN DA PARTE DA PAGA EXTRA DO 2012  díxose que esta se faría efectiva cando o autorice a SEPI.

CONSOLIDACIÓN DE EMPREGO:

Correos informou que a Lei de Orzamentos Xerais para 2015 (Lei 36/2014) impedía calquera tipo de convocatoria de ingreso de persoal en Correos, pero agora grazas á modificación que introduciu a Lei 25/2015, de 28 de xullo (Lei de segundas oportunidades), establece para as sociedades mercantís públicas que tivesen beneficios nos dous últimos exercicios, realizar procesos de consolidación de emprego temporal cun límite do 90% da súa taxa de reposición, polo que grazas a esta modificación permite a consolidación de emprego en Correos. Así mesmo dixo que para materializar o proceso de consolidación dentro deste ano 2015 hai que priorizar con urxencia a negociación das bases da convocatoria nos termos que establece o III Convenio Colectivo.

PROCESO DE CONSOLIDACIÓN CON TRUCO – PROPOÑEN O ESTABLECIDO NO III CONVENIO ASINADO POR CCOO, CSIF, UGT e S.L.:

Convocatorias de ámbito provincial: Cunha convocatoria deste tipo moitas provincias  quedarían excluídas como ocorreu coa oferta de prazas aos expectantes de ingreso que cun exame aprobado quedaron na rúa.
Que prime a formación por enriba da antigüidade: Con isto Correos quere premiar aos sindicatos afíns aínda que con esta medida vulnérese o establecido para o sector público: igualdade mérito e capacidade.
Entrevistas persoais: Que dependa da  valoración dunha persoa que se poida obter un posto de traballo parécenos inaceptable  para o sector público ademais que podería dar pé ás influencias da Xefatura nun ou outro sentido.

PROPOSTA DA CIG: Primeiro Convocar o Concurso de Traslados unha vez resolto ofertar prazas a tempo completo ao persoal fixo descontinuo e a tempo parcial e despois destes procesos cuantificar as prazas vacantes e especificar claramente con que tipo de contratos vanse a cubrir as vacantes; contratos a tempo completo, fixo descontinuo a tempo parcial.

As prazas a cubrir serían mediante un exame a nivel estatal baseándose nos criterios de igualdade mérito e capacidade establecidos no que o único mérito a valorar sexa a antigüidade e se en todo caso se quere que se valore a formación esta debe ser impartida exclusivamente por Correos e non polos sindicatos. Entendemos que non se ten porque estar afiliado a ningún sindicato para recibir formación e nada de entrevistas persoais.