24 de xul. de 2015

A CIG chama a participar o 25 de Xullo na marcha unitaria en Santiago no Día da Patria Galega

Por una Galiza ceibe e sen explotación!
Un ano máis, a Confederación Intersindical Galega (CIG) chama a todos os seus afiliados/as e simpatizantes a participar de xeito activo nos actos que se celebran o 25 de Xullo para conmemorar o Día da Patria Galega, así como na manifestación unitaria que percorrerá as rúas de Santiago de Compostela baixo o lema 'A nación galega'.
Na central entendemos que a conmemoración do Día da Patria Galega é un bo momento para que a clase obreira do noso país poida deixar claro o seu máis enérxico rexeitamento ás políticas económicas e sociais da dereita española e da súa sucursal na Xunta de Galiza, o PP.
Unhas políticas que afondan no desmantelamento dos principais sectores produtivos do noso país, condenan a milleiros de mozos/as á emigración e degradan os dereitos laborais e sociais dos traballadores/as: baixadas salariais, precariedade, xornadas abusivas, etc.
O actual marco xurídico é insuficente tanto para garantir os dereitos nacionais de Galiza como para defender os nosos dereitos como clase traballadora, polo que é necesario mobilizarse para reivindicar un autogoberno sustentado na autodeterminación e na soberanía nacional de cara á mellor defensa dos intereses da clase obreira galega.
Por todo isto, animamos a afiliación a apoiar coa súa presenza as mobilizacións e os distintos actos que se convoquen ao longo do país no contexto do Día da Patria Galega para reivindicar a soberanía nacional, a xustiza social e a solidariedade.