15 de nov. de 2013

O Consello Confederal da CIG acorda por unanimidade conxelar as cotas sindicais por segundo ano consecutivo

O Consello Confederal da CIG, reunido o sábado 9 de novembro, acordou por unanimidade conxelar por segundo ano consecutivo as cotas sindicais que achegan os afiliados/as da central, consciente da grave situación económica que padecen milleiros de familias no noso país a causa da crise do sistema capitalista. Ao mesmo tempo, ampliouse a cobertura da Caixa de Resistencia ao 100% do SMI a partir do quinto día de folga para os afiliados/as con máis dun ano de antigüidade e debateuse e aprobouse o documento presentado pola Executiva no que se analiza a situación político-sindical.


O Consello Confederal celebrado a primeira hora da mañá do sábado en Santiago tomou a decisión de non incrementar as cotas sindicais diante da grave situación de crise económica, social e laboral que padecen os traballadores/as galegos/as e que se traduce nunha importante perda de poder adquisitivo. Deste xeito, as cantidades que achegan os afiliados/as da central non se verán incrementadas durante o vindeiro ano, igual que xa sucedera en 2012. 

Outra das decisións adoptadas polo Consello Confederal foi a ampliación da cobertura da Caixa de Resistencia ao 100% do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) a partir do quinto día de folga para os afiliados/as con máis dun ano de antigüidade e a posta en marcha do colectivo que agrupe a mocidade da CIG, fixándose en 35 anos a idade máxima para poder participar no mesmo. 

Na xuntanza tamén se debateu e aprobou o informe da Executiva Confederal no que se analiza a situación político-sindical do noso país e as principais liñas de actuación da CIG nos vindeiros meses.

Máis info AQUI