A CIG-Correos denuncia a grave situación que está a vivir o servizo postal na Coruña onde a política de contratación "cero" exercida por Correos provoca un colapso xeral no reparto de correspondencia ordinaria e paquetería. Esta medida de non contratación está a xerar unha crise sen precedentes no servizo postal.
Aínda que todas as unidades de reparto da cidade vén mermada seriamente a súa capacidade de distribución por falta de persoal, o caso máis grave é o da Unidade de Reparto USE, situada na estación do ferrocarril da Coruña, “sendo a máis afectada e sufrindo un colapso masivo, acumulándose miles de obxectos sen entregar. Só no día de hoxe, quedaron sen repartir máis de 1.500 obxectos de paquetería, e vai a ser imposíbel entregalos no prazo acordado co número de persoal presente”, advirte Román Pena, delegado da CIG en Correos.
Correos ignora a calidade do servizo
A central sindical denuncia que a empresa non está a tomar medidas para garantir a calidade do servizo, xa que non se cobren as ausencias do persoal nin se contrata máis persoas traballadoras para asumir a carga de traballo. “Esta actitude non só prexudica ás persoas usuarias, que pagan por un servizo que non reciben, senón que escraviza o persoal, obrigándoo a asumir tarefas imposíbeis dentro da súa xornada laboral”.
Ante a grave crise no servizo postal e a sobrecarga insostíbel que está a sufrir o persoal, a CIG-Correos exíxelle á empresa postal que adopte medidas inmediatas e efectivas para garantir un servizo público de calidade e o benestar do seu persoal. Nesta liña, demanda contratación urxente para cubrir todas as ausencias e poder atender as necesidades reais das unidades de reparto e da USE da Coruña e evitar a acumulación masiva de paquetería.
Folga o venres 27
Os recortes en persoal e de dereitos, son algunhas das razóns que levan á CIG a convocar folga para este venres día 27 de xuño en toda Galiza, e unha manifestación que sairá ás 11:30h diante de Correos, na rúa do franco nº4 Santiago de Compostela.
Prensa: