5 de ago. de 2015

Área Pública da CIG denuncia que os Orzamentos do Estado para 2016 "nin recuperan os dereitos roubados nin o emprego destruído"

Para Área Pública da CIG (Ensino, Saúde e Administración) a proposta trasladada polo ministro de incremento salarial do 1% para o vindeiro ano resulta unha medida "electoralista" e "unha esmola" tras anos de perdas de dereitos e salarios. Neste senso, lembran que as políticas salariais até o  ano 2015, conlevaron que a perda do poder adquisitivo dos/as traballadores/as das administracións públicas galegas se elevase a máis do 30% dende o ano 2010. 

A paga extraordinaria, por etapas
En canto ás pagas extraordinarias, o goberno do PP ten previsto abonar no mes de setembro deste ano outro 25% da paga de 2012, mais as empregadas e empregados públicos terán que agardar até o próximo ano para percibir o 50% da cantidade restante. Porén este pago tan só está garantido para o persoal da administración xeral do Estado e, segundo as informacións do ministro, as demais institucións abonarán as cantidades adebedadas "en canto lles sexa posíbel". 

Taxa de cobertura insuficiente
No apartado das taxas de reposición, Montoro explicou que a taxa de cobertura será do 100% nos servizos básicos (saúde, ensino ou forzas de seguranza), mais quedará limitada ao 50% no resto dos servizos das administracións.