29 de xul. de 2014

CIG-Correos denuncia o cobro de recibos con recargo en Ames pola deficiente xestión do concello e da Deputación

Asegura que nas oficinas de Correos non se depositaron as cartas coa comunicación do prazo de pago voluntario para a súa distribución aos veciños e veciñas
Veciños e veciñas de Ames veñen recibindo, nas últimas semanas, notificacións a través das que se lles reclama o pago dalgúns impostos municipais con recargo por non teren efectuado o pagamento no chamado prazo voluntario. Desde a CIG-Correos, aseguran que as cartas nas que se lles tería que requirir o cobro destes impostos, indicando o prazo para facelo efectivo, nunca foron depositadas nas oficinas de Correos de Ames para o seu reparto. Fronte a isto, desde o concello e a Deputación da Coruña responsabilizan a Correos de non as ter distribuído.
A CIG-Correos asegura que o problema, que agora sofren os veciños e veciñas, débese á mala xestión da deputación e do concello por non ter enviado esas comunicacións en tempo e forma no prazo voluntario de pago.
Desde o 1 de febreiro de 2013 a Diputación Provincial de A Coruña é a encargada da xestión e recadación de diversos impostos municipais. Até ese momento, dependía da oficina de recadación do concello de Ames que era quen remitía eses recibos. A CIG-Correos descoñece cales foron as causas polas que desde a Deputación non se enviaron esas cartas porén, considera inadmisíbel que se trate de culpabilizar ao persoal de Correos das súas neglixencias.
Ante isto, desde a CIG anímase a todos os afectados e afectadas a presentar as reclamacións oportunas, tanto diante do concello e da Deputación, como nas oficinas do consumidor.