14 de mar. de 2012

O Xulgado condena a Correos a abonar a totalidade dos salarios a unha traballadora que sufriu un aborto

A empresa postal non vinculaba o aborto coa maternidade e deulle un trato de enfermidade común
O sector de Correos da CIG-Administración vén de dar a coñecer unha sentenza pola que se condena á empresa postal estatal á repor a totalidade do salario a unha traballadora á que, como consecuencia dun aborto, se lle aplicaron descontos en determinados complementos retributivos. Correos, explican dende o sector da CIG, non vinculaba o aborto coa maternidade e dáballe unicamente un trato de enfermidade común.
“Dende a CIG”, explica Miguel Ramudo, delegado sindical, “tivemos que recordarlle a Correos que ese tipo de actuación supón unha flagrante violación do dereito á igualdade entre homes e mulleres, pois discriminar a unha muller salarialmente con motivo dun aborto; feito que está relacionado directamente coa maternidade e que a súa aplicación lévanos a unha discriminación por razón de sexo”.
Así o entendeu tamén o Xulgado do Social, que estimou a demanda da traballadora e agora obriga a Correos a abonarlle a totalidade da cantidade que no seu día lle descontara por mor da baixa motivada polo aborto.
“Estamos diante dunha sentenza que ten que ser o camiño a seguir, aínda que se trata dunha sentencia dun xulgado do social agardamos que sirva de exemplo para que as empresas tomen nota e deixen de discriminar a muller nin por este nin por ningún outro motivo”, aseveran.
Dende a CIG Correos aproveitaron para lembrar a Correos que calquera Plan de Igualdade, ou similar, “queda moi bonito cando se contempla nun Convenio ou nun Acordo, incluso vende moi ben de cara os medios e a publicidade, pero  é necesario que as actuacións que logo se levan a cabo relacionadas coa muller sexan as correctas”.

Medios que recollen esta nova:

Radio Coruña - Cadena Ser
Noticias Galicia